Monday 20 de May de 2024

Medio Rural agradece a colaboración dos concellos e lembra que as obrigas en materia de prevención forestal son de todos


A conselleira mantivo unha xuntanza cos alcaldes de Arbo, Caldas de Reis, Cotobade, Crecente, Mondariz, As Neves, Pontevedra, Redondela, Soutomaior e Vilagarcía de Arousa para planificar as actuacións urxentes a levar a cabo nas zonas queimadas

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, desprazouse esta mañá ata Pontevedra para manter alí unha xuntanza de traballo cos alcaldes dos municipios afectados polos grandes incendios forestais acontecidos recentemente nesta provincia e onde foi preciso activar a Situación 2 como medida preventiva. A finalidade da reunión foi avaliar os danos rexistrados para priorizar as actuacións a levar a cabo en cada unha das zonas e analizar o trasfondo destes lumes.

A conselleira sinalou que o lume é un problema de todos e, polo tanto, hai obrigas que cumprir tal e como establecen as leis. Neste senso, Ángeles Vázquez incidiu na necesidade de manter limpas as faixas secundarias de xestión de biomasa, así como os polígonos industrias, os núcleos rurais e urbanos. Trátase, engadiu, de evitar problemas maiores cando por lei está establecido que nos 10 primeiros metros dun núcleo ou casa non pode haber ningún tipo de plantación, e a partir destes 10 metros non poderán ser nin piñeiros, eucaliptos ou mimosas. A conselleira matizou que está en mans de todos evitar danos maiores e para iso é preciso colaborar e facer cumprir a lei.

Precisamente, a titular do departamento de Medio Rural tamén agradeceu a colaboración dos concellos nestas últimas semanas e o traballo realizado polos efectivos do dispositivo de loita contra os incendios forestais. Grazas á profesionalidade deste operativo, comentou a conselleira, dos 194 lumes rexistrados na provincia de Pontevedra na última semana, 147 quedaron en conatos, polo que a coordinación foi óptima.

A conselleira matizou que esta provincia, a de Pontevedra, foi a máis castigada neste último mes en canto a hectáreas queimadas, pois en dúas semanas ardeu o 95% da superficie que levamos ardida na provincia no que vai de ano. Sobre isto, Ángeles Vázquez quixo facer un novo chamamento á cidadanía, porque tras numerosas evidencias é moi fácil crer que a man do home está detrás da gran maioría dos casos. A conselleira recalcou que existe un gran dispositivo de vixilancia nos montes, pero é importante esta colaboración cidadá para poder chegar a todos os recunchos da nosa Comunidade, na cal os 2/3 da súa superficie é forestal.

Sobre as actuacións de recuperación, a titular de Medio Rural trasladoulle aos concellos que se vai abrir unha liña de axudas para restituír os danos, tanto os sufridos polas persoas e os bens como polos montes afectados, co fin de arbitrar as respostas que sexan precisas e poñer en marcha medidas o antes posible. Pero matizou que o primeiro será avaliar estes danos para logo proceder á retirada de árbores queimadas e recuperar a cuberta vexetal.